Monday 29 de April de 2024

O Ministerio de Educación outórgalle a dúas alumnas do IES Maruxa Mallo o segundo premio no XXIX Certame de Xoves Investigadores


Lucía del Río e Natalia Castro, dirixidas pola profesora Amparo Raviña, acadaron unha dotación de 3000 € polo seu traballo É o noso pobo accesible?

Lucía del Río Martínez e Natalia Castro Iglesias, alumnas do IES Maruxa Mallo, veñen de recibir un dos segundos premios do XXIX Certame de Xoves Investigadores organizado polo Ministerio de Educación polo seu traballo ‘É o noso pobo accesible?’ A nova deuse a coñecer no Congreso de Xoves Investigadores, que tivo lugar hai escasos días en Málaga, ao que asistiron ambas as estudantes ademais da directora do proxecto, a profesora Amparo Raviña Rosende. Alí presentaron o seu proxecto mediante unha conferencia que espertou o interese de todas e todos os asistentes.

As premiadas levan case tres anos investigando as condicións de accesibilidade de Ordes, sobre todo para as persoas con algún tipo de discapacidade. As conclusións ás que se chega tras a análise dos datos recollidos mediante entrevistas, cuestionarios e observacións directas determinan que Ordes é un pobo accesible e cunha política en favor dos habitantes con algún tipo de discapacidade para que teñan acceso a espazos e servizos, dando así unha resposta positiva para as súas necesidades específicas.

O premio, dotado con 3000 euros, é un dos máis importantes entre os convocados polo Ministerio de Educación. Unha convocatoria na que tamén participan o Consello Superior de Investigacións Científicas, a Real Sociedade Española de Física, a Universidade Politécnica de Madrid, a Universidade de Málaga, a Sociedade Científica Informática de España e a Fundación ONCE.

Este novo recoñecemento ao traballo realizado no IES Maruxa Mallo súmase aos conseguidos recentemente no certame Estalmat, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, nos premios matemáticos da Fundación Barrié de la Maza ou nos premios da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia.